miércoles, 26 de marzo de 2014

OS PROFES TAMÉN APRENDEMOS: PRIMEIROS AUXILIOS

O 11 de marzo os profes do colexio recibimos formación de Primeiros Auxilios a cargo de Carlos Vales, Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, Coordinador dos Servizos de Socorrismo nas praias do Concello de Vigo e Profesor de Salvamento Acuático. 
Foi un pracer compartir con el a súa sabiduría nesta materia tan importante para nós como docentes.
Aquí podedes visionar, sobre todo as familias, un resumo das aprendizaxes do curso:

lunes, 17 de marzo de 2014

XORNADA MULTIDEPORTIVA CO CEIP SOUTO DONAS

Os profesores de educación física do Colexio Anxo da Garda, CEIP de Donas, Colexio Estudio e CEIP Serra Vincios levamos anos traballando xuntos e realizando unhas xuntanzas deportivas non competitivas en horario escolar, cun calendario anual aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte, que nos subvenciona os desprazamentos en autobús.
O 17 de marzo tocou ir ao CEIP Souto Donas e enfrontámonos en diversas modalidades deportivas e realizamos moitos xogos: tenis de mesa, saltos de altura e lonxitude, rugby-rabo, roubar melóns, baloncesto, bádminton, brilé, comba e por últimos fixemos un cross ao redor do colexio. O máis salientable desta xornada, ademais de perfeccionar diferentes deportes e xogos co lema de xogo limpo e non levar o marcador, foi o exemplar comportamento tanto dentro como fóra da pista de xogo dos alumnos/as. Tamén compartimos o recreo, coñecemos outro colexio e fixemos novos amigos e amigas!!!

viernes, 14 de marzo de 2014

1º E 2º DE PRIMARIA PRACTICA JUDO

Dentro do programa XOGADE, Xogos Galegos Deportivos 2014, no que participamos, técnicos responsables das Escolas de Judo de Gondomar, Luís Rodríguez Trejo e Luís Rodríguez Lamas, visitáronnos no cole o 11 de marzo para darnos a coñecer este deporte e poder practicalo de forma gratuíta no Pavillón de Gondomar os venres pola tarde. Os/as que se animen xa saben... o mellor é realizar deporte polas tardes!!!
O xoves 13 de marzo acudimos ao Pavillón de Gondomar para realizar xogos de iniciación ao Judo e tamén para ofrecernos unha exhibición espectacular. Pasámolo moi pero que moi ben.
Aquí unha mostra das actividades:

lunes, 10 de marzo de 2014

CLASE DE PRIMEIROS AUXILIOS

O luns 10 de marzo visitounos Carlos Vales Porto, Coordinador dos Servizos de Socorrismo nas praias de Vigo e Profesor de Salvamento, sendo unha das persoas que máis sabe en España sobre como actuar en momentos de emerxencia para aplicar os primeiros auxilios. Aprendimos moitas cousas que seguro recordaremos cando sexamos maiores, grazas Carlos polo teu traballo no Cole!!!
Este video amosa como realizamos unha Reanimación Cardio Pulmonar cando comprobamos que a persoa ferida non respira:

 

viernes, 7 de marzo de 2014

EN ABRIL E MAIO: PISCINA

Como todos os anos, os alumnos/as de 6º irán á Piscina da Ramallosa en horario escolar a desenvolver unha unidade didáctica de spinning, tonificación e natación.
A actividade intentaremos que sexa totalmente gratuíta e a nosa intención é que sexa fixa todos os anos para que o alumnado de Vincios teña a oportunidade de acudir á piscina. O transporte (822,80€) será subvencionado pola Comunidade de Montes de Vincios (estamos esperando a súa confirmación e agradecemos moito a súa colaboración) e a entrada á piscina (643,80€) entre a ANPA, o Colexio e unha subvención do Concello de Gondomar.
A duración da actividade é de 1 sesión, de 90 minutos, semanal (mércores), nos meses de: abril (días 2, 9, 23, 30) e maio (días 7, 14, 21, 28).    
Organización da actividade: 
•Ás 11:25h. sairemos do centro para chegar á piscina sobre as 11:40h.
•De 11:45h. a 12:30h. os alumnos/as realizarán spinning e exercicios de tonificación.
•De 12:30 a 13:15h. terá lugar o desenvolvemento da sesión dentro da piscina (os primeiros 20 minutos dedicarase á natación e os 25 minutos restantes a actividades alternativas e xogos na auga).
•De 13:15h. a 13:30h. ducharanse e cambiaranse de roupa.
•Chegada ao centro ás 13:55h. aproximadamente.
 O material específico que necesitan para esta actividade é:
-Obrigatorio: gorro de natación, bañador, chanclas, toalla e xabón.
-Opcional, pero aconsellable: gafas de natación.
SEGURO QUE O PASAREMOS FENOMENAL!!!